Berlai amosa a beleza da música feita na casa no novo disco 'Cas berlai'

O segundo álbum do proxecto de Xiao Berlai creouse e produciuse desde o confinamento no rural

Capa de Cas Berlai                                  Arte:Ernesto G. Torterolo
Capa de Cas Berlai Arte:Ernesto G. Torterolo
Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, anteriormente integrante e compositor de Fía na Roca, regresa co seu segundo traballo, un novo disco creado durante o confinamento desde a súa casa da aldea -por iso se chama Cas Berlai (Seispés), que é como en Lugo se refiren á casa dun - que está xa nas tendas e nas plataformas musicais. Berlai defínese coma “indie rururbano” en consecuencia lóxica á música post-bravú e o proxecto presentouse en 2016 co disco Desconhecido (Axóuxere Editora). Cas Berlai é un traballo acústico e caseiro, cantando á rutina e á beleza do cotiá. Nel, cada unha das nove cancións convértese nun espazo da casa: a cama, o corredor, o espello, o váter, a sala ou a “cas de Tróski” (o seu can). Na banda, ademais de Xiao están Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).Todos os temas son escritos por el agás a adaptación de A lista da compra -da viúva-, un poema de Emma Pedreira galardoado co Premio Poesía Jovellanos ao Mellor Poema do Mundo. Neles fala do seu pai, morto antes de tempo, das rupturas dos amores que nos tronzaron, do amor, das súas miserias ou do seu TDAH. Como adianto publicouse en redes o videoclip No water.



No relativo aos sons que podemos atopar neste álbum de Berlai, están ao longo destes nove cortes unha variedade moi libre de influenzas sinxelas e esenciais tratadas con naturalidade. Pop, rock, jazz, folk, músicas urbanas e fusión coa ollada dun autor que busca a beleza nas “flores que nacen do cemento”. Así presenta Berlai este disco que foi composto e gravado case na súa totalidade no confinamento e sen verse entre os músicos. O son é acústico, feito na casa: contrabaixo (Pablo Sanmamed), guitarra acústica (Xiao), piano (Iago Mouriño), batería (Bruno Couceiro) e até uns kazoos (feitos de restos plásticos) convertidos aquí nos ventos do disco. Ese entorno rural de creación inflúe tamén a través da arte do deseño do CD, asinada por Ernesto G. Torterolo, onde están presentes esas casas a medio construír que son esqueletos de formigón. Tortetrolo foi tamén autor das ilustracións do primeiro traballo de Xiao.