Berlai cóntanos a historia dun Desconhecido

Axóuxere edita a banda deseñada-CD coa que se presenta a banda

Un álbum conceptual a explorar a vida dun home que, logo dun amor truncado, dáse á bebida e malvive no rural. Esta é a proposta de Berlai en Desconhecido, un orixinal proxecto que mestura banda deseñada, poesía e música e que serve de presentación para esta banda. Os trece temas do álbum comparten aires indie-pop, electrónica, rock ou atrevidas reinterpretacións da tradición para configurar un universo de imaxes obsesivas. Coa perda como eixe, o traballo aborda o sexo, o alcol ou a relación coa natureza, sen esquecer aspectos de crítica social como en Far West, canción baseada no libro homónimo de Carlos Negro onde se xoga co Himno Galego. Con Giao Rodrigues a capitanear o proxecto e pór a voz a guitarra e a mandolina, Berlai conta con Iago Mouriño, Pablo Pérez e Bruno Couceiro. Entre os colaboradores, nomes como Sonia Lebedynski, Débora Morales ou Bocixa Rei.

O álbum, gravado nos Estudios Cormorán da Escravitude, ve a luz da man de Axóuxere Editora. Ernesto G. Torterolo asina o apartado gráfico do proxecto, con páxinas a lapis nas que retrata o baleiro do protagonista e incide na conexión coa natureza. O proxecto ten prevista unha primeira presentación na libraría Kómic de Santiago de Compostela o vindeiro 18 de novembro, e o concerto de presentación está previsto para o día 30 na compostelá sala Riquela. Segundo informa o web do proxecto, os concertos pretenden integrar a música con debuxos ao vivo.