Coruña Gráfica celebra unha nova edición virtual

A Cidade Herculina e Lugo acollen os encontros de autoedición Autobán e Vaia Vaia

Este dezaseis de novembro botaron a andar as actividades da nova edición de Coruña Gráfica. O encontro de ilustración, banda deseñada, humor gráfico e animación desenvólvese desta volta de xeito totalmente virtual ata o vindeiro 31 de decembro. O programa conta coa Treboada Creativa Online, que achega ao público os estudios de diferentes artistas como Macús Romero, Santy Gutiérrez, Tomás Conde e Virginia Curiá e Víctor Coyote. As persoas participantes explicarán en vídeos que se poderán ver na canle de Youtube do evento "os procesos técnicos de creación, as súas ferramentas e os seus sistemas de traballo". A iniciativa desenvolverá a exposición virtual O grafismo da pandemia, que amosa traballos de autores locais relacionados coa crise da Covid-19 e actualizará tamén o catálogo de profesionais da ilustración da área coruñesa.

Tamén en formato virtual o encontro de autoedición Autobán 2020 celebrará entre o 20 de novembro e o 1 de decembro a súa nova edición. A axeitar o seu formato á rede, esta iniciativa realizará encontros en vídeo con diferentes artistas, un Combate de Debuxantes a través das redes sociais e mais o Autobombo, dedicado á presentación de proxectos de autoedición que ten aberto o seu prazo de inscrición.

E Lugo súmase tamén aos encontros de autoedición. Os días 21 e 22 de novembro celébrase na Cidade da Muralla a primeira edición de Vaia Vaia. Obradoiros sobre ilustración e deseño, proxeccións audiovisuais, conferencias, presentacións de proxectos, un mercado de fanzines, actuacións de Djs e concertos fan parte deste programa, que conta coa colaboración do Concello.