A celebración do Día das Letras deixa na rede novos contidos sobre Carballo Calero

O novo adiamento das homenaxes presenciais cede protagonismo ás propostas virtuais

As máis recentes medidas para coutar a pandemia de Covid-19 no noso país levaron á cancelación a última hora de grande parte dos actos centrais de homenaxe a Carballo Calero polo Día das Letras. Así, a Real Academia anulou o pleno extraordinario que tiña previsto celebrar na honra do autor este sábado 31 de outubro logo de o trasladar de Ferrol á Coruña polo mesmo motivo. Tampouco a lectura continuada da novela Scórpio, convocada en Compostela para o día 30 se puido realizar, sen que polo momento haxa novas datas para estes eventos.

No entanto, a fin de semana deixou na rede novos contidos arredor do autor. En concreto, CIG-Ensino e AS-PG publicaron os vídeos das XXIX Xornadas de lingua e literatura, que se desenvolveron nesta ocasión de xeito virtual. Xosé Ramón Freixeiro Mato, Laura Tato, Pilar García Negro, Manuel Castelao Mexuto e Héctor Cajaraville abordaron neste programa diferentes aspectos da vida e obra do autor, mentres Ugia Pedreira presentou tres poemas musicados do homenaxeado. Os contidos complétanse cun vídeo inédito do propio Carballo Calero, tirado da última entrevista que concedeu na súa vida.

Vídeos das XXIX Xornadas de Lingua e Literatura


Do mesmo xeito, están dispoñibles na rede a totalidade dos vídeos do Simposio Carballo/Carvalho Calero, principal encontro de estudo sobre a figura homenaxeada, que a RAG celebrou ao longo do mes de outubro.

Vídeos do Simposio Carballo/Carvalho Calero na canle de Youtube da RAG


Tamén a Deputación de Lugo acolleu este sábado 31 a estrea de Carvalho Calero sem fronteiras. Este documental e libro de Aser Álvarez fai un repaso da traxectoria do homenaxeado a través de material de arquivo, conversas e entrevistas con familiares, expertos, alumnos e discípulos así como investigadores da súa figura. Todo isto alternado coa lectura de fragmentos da obra do propio Carballo.