AGADIC convoca as subvencións para a promoción do audiovisual galego en festivais e mostras deste 2020

A partida orzamentaria aumentada o pasado ano volve a niveis de 2018

A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases de convocatoria das subvencións non competitivas para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais. O obxectivo destas axudas é que as producións galegas teñan apoio económico para acudir aos encontros onde o audiovisual atopa vías de comercialización e difusión cos fins últimos de dar impulso ao sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade; contribuír á consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega. A partida asignada este ano para estas axudas redúcese ata os 40.000 euros, 10.000 menos que a do pasado ano e coincidente coa de 2018. Esta convocatoria vai dirixida a apoiar accións de promoción deste mesmo ano, desde xaneiro ata o 30 de novembro de 2020, no que se cancelaron ou mudaron os formatos de festivais e encontros presenciais do audiovisual en todo o mundo e mobilidade física estivo altamente restrinxida. As subvencións están destinadas a cubrir parcialmente os gastos derivados da participación nos encontros, que van desde os materiais publicitarios e de servizos de relacións públicas aos de transporte de materiais e desprazamento dos profesionais, así como a subtitulación das copias cando sexa esixida.