Susana Seivane recupera nun disco os temas que interpretou durante o confinamento

O novo álbum 'Dende o meu balcón' é unha volta ás orixes e bases da tradición musical

O novo álbum 'Dende o meu balcón' é unha volta ás orixes e bases da tradición musical
Durante moitas das noites do período de confinamento Susana Seivane quixo contribuír desde a súa casa a facer máis pasables as circunstancias coa súa música. Saíndo ao seu balcón e a través das redes sociais a músico foi interpretando diferentes temas do seu repertorio. Vinte deles son os que agora recolle neste disco que sae mañá venres baixo o descritivo título Dende o meu balcón. O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, ou Suso Vaamonde, entre outros, forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades. Dende o meu balcón é o sexto disco de Seivane e supón o retorno ao substrato ancestral sobre o que Susana construíu a súa carreira. collendo coma fío condutor a riqueza do patrimonio musical galego e a posta en valor dos novos talentos que compoñen en base á tradición. Segundo a folla de promoción do traballo esta volta á orixe da gaiteira de Cambre xurde a partires dun proceso onde a identidade galega artellou unha catarse colectiva a través das redes para miles de persoas no mundo a través da interpretación de Susana dos temas recollidos no disco, durante cada noite do confinamento. Inconscientemente, a procura dos acervos serviu de catalizador da resistencia e precisamente o descubrimento desta condición foi o que levou a Susana a compilar os temas interpretados neste novo traballo discográfico. Mañá, venres 16, sairá en exclusiva en todas as redes dixitais, mentres que a edición física estará limitada a súa venda a través da páxina web da artista.

Unha das pezas que Susana Seivane interpretou desde o seu balcón durante o tempo de confinamento.

Ligazóns