Carlos Labraña gaña o IIº Premio Platta de Teatro Breve en galego

A obra 'Descociñando' publicarase en galego, castelán e portugués e será obxecto de lecturas dramatizadas no Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

14/10/2020 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroLiteraturaLingua
28 lecturas | Compartido 0 veces
O dramaturgo Carlos Labraña resultou gañador do II Premio Platta de Teatro Breve-Galicia coa peza Descociñando. O premio está convocado poña Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, da que participan a Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana e Revista Galega de Teatro erregueté. O xurado valorou "a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do personaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama", segundo transcribe Erregueté. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador. Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.

Universo culturagalega.gal