A sala Numax recibe o premio Xela Arias polo seu apoio ao galego

A Asociación de Profesionais da Tradución e Interpretación outorgou a terceira xeira do seu galardón

O traballo da sala compostelá de cinema Numax a prol da lingua galega no audiovisual valeulle facerse co III Premio Xela Arias. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación acordou outorgalle o seu premio anual a esta iniciativa a valorar que na súa programación "inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución". A Asociación destaca a importancia deste traballo "dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego". Ademais, segundo destaca, "NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes".

O xurado do galardón estivo composto pola Xunta Directiva da AGPTI (Iria Taibo Corsanego, Gabriel Álvarez Martínez, Iria Castro Fernández, Ana Hermida Ruibal, Jessica Gregori Sendra, Rossana Couto Lago e Lara Santos Suárez) e mais pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Ana Luna Alonso.