Lorena Conde faise co III Premio María Victoria Moreno

A editorial Cuarto de Inverno publicará Velloucas e Minchas

16/9/2020 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: literatura
1 lecturas | Compartido 0 veces

Lorena Conde

O Concello de Pontevedra deu a coñecer este 15 de setembro o fallo do III Premio María Victoria Moreno, que estaba previsto para o pasado mes de abril e que se atrasou por mor da crise sanitaria. Logo de ampliar o prazo de presentación, o xurado do certame escolleu Velloucas e Minchas, da pontevedresa Lorena Conde, como obra gañadora do galardón. No seu fallo destacou deste traballo "a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade". Tamén destacan "o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno". A gañadora levará 4.000 euros en metálico e verá a súa obra publicada na editorial Cuarto de Inverno, que coorganiza o galardón.
O xurado, que realizou a selección entre 40 obras, estivo composto por luz Gallego (en representación do Concello de Pontevedra), o escritor Antonio Manuel Fraga (en representación da familia de María Victoria Moreno) e Andrea Jamardo (en representación Cuarto de inverno) con David Cortizo como secretario.

Universo culturagalega.gal