Nee Barros gaña o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

A obra 'Nom estamos quebrades' está escrita en linguaxe non binaria

Nee Barros                       Foto: Concello de Pontevedra
Nee Barros Foto: Concello de Pontevedra
A obra 'Nom estamos quebrades' escrita en linguaxe non binaria por Nee Barros gañou por maioría do xurado o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. O Culturgal serviu de marco para a dar a coñecer o ditame do xurado deste galardón convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. Do texto de Nee Barros o xurado valorou da obra a representación das diferentes diversidades desde distintos prismas, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden ao relacionármonos en sociedade, a linguaxe non binaria, as referencias ao panorama literario e musical galego actual e a introdución de temas con pouca presenza na literatura galega. A historia gañadora trata sobre Eva, unha rapaza que non atopa o seu lugar no mundo, na procura da súa identidade sexual e o seu amigo e cómplice Edu, que supón sempre unha axuda imprescindible e o seu pequeno fogar. A narración inclúe numerosas citas ao universo musical dos protagonistas onde atopamos a Mercedes Peón, Tanxugueiras, Ataque Escampe, Baiuca pero tamén referencias a firmas literarias como Lorena Conde, Eli Ríos, Eva Mejuto, Xela Arias e á obra "Anagnórise", de María Victoria. O premio ten unha dotación económica de 3.000 € a obra será editada e publicada en lingua galega cara o mes de abril da man da citada editorial.

Mondoñedo premia á poesía
Outra nova voz que entra tamén nos radares literarios galegos do futuro chega do XXIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo. "A herba que crece sobre nós" é o título do traballo polo que resultou premiada Alba Doval Rodríguez. O premio está dotado con 1500 euros, placa e diploma. O certame contemplaba tamén outros un segundo e terceiro que foron respectivamente para Ciro Fernández Briones (A Pobra do Caramiñal, 1996) pola obra "Cando brotan no campo rebelións", e para Clara Vidal López coa obra "Os Caracois Alpinistas". A entrega do Premio terá lugar o sábado, día 10 de decembro. O Concello de Mondoñedo deu a coñecer tamén aos gañadores do certame de poesía Manuel Leiras Pulpeiro recaeu nesta XIª edición en Xurxo Alonso García, residente en Vilagarcía de Arousa. O traballo presentado pola gañador, que obterá un premio de 1500 euros, placa e diploma, ten como lema "O Outro Lado". O segundo premio, recaeu na obra titulada "Na ferradura interna do lóstrego", da que é autor Tito Pérez Pérez, mentres que María Soledad García Riveiro acadou o terceiro premio, coa obra presentada baixo o rótulo "Aposiopese". A entrega dos premios terá lugar o xoves, 8 de decembro.