A falta de apoio financeiro leva a suspender O Canteira Fest de Vilaboa

O festival apunta tamén aos riscos de multas aos organizadores en casos de gromos de COVID-19

Dende a Asamblea da Mocidade de Vilaboa, organizadora do Canteira Fest, veñen de comunicar cancelación do evento previsto na Canteira de Paredes para o vindeiro 18 e 19 de setembro. Segundo o comunicado feito público a decisión ven motivada fundamentalmente pola mala situación financeira para a súa realización unha vez que se coñeceu a contía da axuda concedida pola Deputación de Pontevedra no programa de subvencións a espectáculos de música e artes escénicas, que outorgou 3.150 euros dos 10.050 solicitados. Desde a organización lembran que este festival ten unha valoración total de 20.000 euros e que malia ter recadado unha suma importante das empresas patrocinadoras, precisaría "unha maior aposta pola cultura das institucións publicas". Por outra banda, desde a Asamblea apuntan tamén como un segundo motivo á responsabilización persoal que recaería sobre os mozos e mozas organizadores no caso que se dera un gromo de coronavirus no festival, con penas punitivas elevadas por parte da Xunta de Galicia.

Esta terceira edición do festival, sempre orientado á mocidade e con carga de concienciación feminista, presentaba este ano un cartel con 11 actuacións musicais de bandas e artistas galegas – Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre, Verto, Pauliña, Cuarta Xusta. Lisdexia, O Gato de Cheshire, Paula Docampo, Bravaukas, A Rabela, Zeltia Irevire- e dúas representacións teatrais con Ibuprofeno teatro e Migallas. e con A organización avanza que a súa intención é manter íntegro o cartel artístico de cara á realización do festival o vindeiro ano 2021, os días 17 e 18 de setembro, para o cal serán válidas as entradas mercadas este ano. "Traballamos todo o ano para compartir coas nosas veciñas e con vos, dous dias e dúas noites de musica, de cultura e de reivindicación feminista: o festival ao que a nós nos gustaría asistir como público. Non poder facelo, e ter que prescindir do horario nocturno, foi unha dura decisión", aseguran no comunicado publicado nas redes sociais do evento agradecendo tamén ao Concello de Vilaboa o apoio prestado en todo momento.