Astiberri publica en castelán os últimos Premios Castelao de BD

A caza de Alberto Vázquez e Uxío de Martín Romero están tamén dispoñibles na nosa lingua

Capa da edición galega de <i>A caza</i>
Capa da edición galega de A caza
A caza, obra coa que Alberto Vázquez se fixo co último premio Castelao de Banda Deseñada e mais Uxío de Martín Romero, que obtivo o galardón na categoría de obras para público infantil e xuvenil, contan xa con edición en castelán. A firma vasca Astiberri ten xa nas librarías as súas versións destas obras, que no caso de Uxío inclúe lanzamentos en catalán e euskera. Os dous traballos están tamén dispoñibles en galego en edicións da Deputación da Coruña, entidade que convoca o premio.

Segundo resume Astiberri, A Caza "adéntrase na historia dun home primitivo que persegue un animal. Mediante unha narración chea de metáforas e unha gráfica que oscila entre a abstracción e a figuración, trátanse temas universais como o conflito entre home e natureza, a contaminación ou a emigración". A obra conta con 64 páxinas en branco e negro. Encol Uxío, a editora sinala que o protagonista "case nos leva da man para descubrir as súas oníricas aventuras" que se argallan en
relatos curtos dun par de páxinas. A obra, presentada para público a partir de seis anos, conta con 64 páxinas a cor.

A editora acaba de lanzar tamén en castelán o terceiro volume de Ether, que compila o último arco argumental da serie que o ourensán David Rubín debuxa sobre guións de Matt Kindt e que publica Dark Horse en Estados Unidos. La desaparición de Violeta Campana conta con 152 páxinas a toda cor e continúa as aventuras de Boone Dias a través dun mundo máxico.