Alberto Vázquez gaña o premio Castelao de Banda Deseñada

Martín Romero fíxose co galardón da modalidade para público infantil e xuvenil

Dous autores cunha destacada traxectoria profesional resultaron vencedoras na XIV edición dos Premios Castelao de Banda Deseñada, que convoca anualmente a Deputación da Coruña. O xurado seleccionou A caza de Alberto Vázquez como obra gañadora do galardón na categoría principal. O fallo destaca un "grafismo moi sólido realizado con técnica do sumi-e con tinta chinesa" da obra, co que o autor "crea un mundo propio e persoal a través dun debuxo expresivo que xera unha unidade narrativa con imaxes que se manteñen na retina do lector". Vázquez, recoñecido con tres premio Goya polo seu traballo no cinema de animación conta tamén cunha ampla traxectoria como autor de banda deseñada.



Pola súa banda Uxío reportoulle a Martín Romero facerse co galardón na categoría infantil e xuvenil destes galardóns, que se outorgou por primeira vez logo de dous anos a ficar deserta. A obra de Romero destaca, segundo o xurado, polo seu emprego das "posibilidades narrativas do medio, dun xeito diverso e interesante"e mais polo "uso humorístico, divertido, adaptado á idade, cunha filosofía sobre a vida e a cotidianeidade dun xeito lixeiro e poético". Romero conta tamén cun recoñecido labor como autor de BD con obras como Las fabulosas crónicas del ratón taciturno, Episodios Lunares ou La deuda.

O xurado, presidido polo deputado da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, estivo composto por Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro Santalla, Oliver Añón e Albert Monteys ademais da xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat. Os galardóns están dotados con cadanseus 6.500 euros e a publicación da obra seleccionada.