Emilio Fonseca Martín fíxose co XI Premio Castelao de Banda Deseñada

Dark Horse publicará a serie Ether con debuxo de David Rubín

A coincidir coa celebración de Viñetas desde o Atlántico, a Deputación da Coruña daba a coñecer o pasado día 12 o fallo do XI Premio Castelao de Banda Deseñada, dotado con 6.500 euros. O ourensán Emilio Fonseca Martín impúxose nesta xeira do certame coa obra Fóra de mapa, que destaca no fallo polo seu guión "rico, ben documentado e estruturado; un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante". O xurado, composto por Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales e Jorge González Varela e presidido pola responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín acordou tamén destacar o traballo Terra incógnita, e apuntou o interese de crear un galardón específico para obras de carácter infantil e xuvenil, un campo no que destacou o traballo Curuxa. A voz de Azazel.

En paralelo, a editorial estadounidense Dark Horse anunciou a publicación para o vindeiro mes de novembro de Ether, unha serie na que o ourensán David Rubín pon lapis ao guión de Matt Kindt. O proxecto, ambientado nun mundo que mestura ciencia e maxia, está previsto que saia publicado en España para 2017.

Precisamente Rubín, canda a José Domingo, participarán na delegación de cinco autores estatais que visitarán o prestixioso encontro de banda deseñada independente Small Press Expo, que se celebra os días 17 e 18 de setembro en Maryland, Estados Unidos. A visita enmárcase na publicación neste país do volume colectivo Spanish Fever-Stories By The New Spanish Cartoonists, que recolle traballos de trinta autores do Estado.