Begoña García Alén gaña o XV Premio Castelao de Banda Deseñada

Andrés Magán impúxose na categoría de obras para público infantil e xuvenil

| Santiago. Redacción | Seccións: Banda Deseñada
Compartir:
Páxina de Adeus amigos, de Begoña García Alén.

Páxina de Adeus amigos, de Begoña García Alén.

O Premio Castelao de Banda Deseñada foi para dúas sinaturas destacadas da BD alternativa galega na súa XV Edición. A Deputación da Coruña daba a coñecer na mañá deste 9 de outubro o fallo do xurado, que recoñeceu a obra Adeus amigos da pontevedresa Begoña García Alén como gañadora da categoría xeral. O vigués Andrés Magán e a súa As aventuras de Passer P. Malta impúxose entre as obras que aspiraban ao premio para público infantil e xuvenil. Cada un dos autores recibirá un premio de 6.500 euros en metálico e verá a súa obra publicada pola Deputación. En total presentáronse a esta edición dos galardóns 42 obras, catro veces máis do que na última xeira.

Segundo o fallo do xurado, Adeus amigos destaca pola súa "aposta gráfica experimental vencellando a trama coa obra do artista Bas Jan Ader e pola mestura da historia gráfica dun artista coa historia dun neno dunha forma máxica. Gráfica sintética e minimalista". Pola súa banda, As aventuras de Passer P. Malta presenta unha "historia divertida, surrealista e máxica que ten un bo debuxo e que está protagonizada por animais antropomorfos que lembran os clásicos do cómic pero actualizados a nivel narrativo e gráfico". Os dous autores, nados en 1989, cursaron Belas Artes en Pontevedra e comezaron a publicar BD en 2014, obtendo amplos recoñecementos de crítica e público, sempre dentro dunha aposta por obras experimentais e vangardistas.

O xurado estivo composto por Gemma Sesar, de El Patito Editorial, José "Pío" Barreiro, de Komic Libraría, os autores Bea Lema (gañadora do premio en 2017), Martín Romero e Alberto Vázquez, que levaron o galardón na anterior edición. Canda a eles, fixeron parte do comité o responsábel da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

Que che parece esta nova?
99 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Castelao, Premio Castelao de Banda Deseñada, Deputación da Coruña, Martín Romero...