O Xº Corpo(a)terra inclúe espectáculos para atender usando o teléfono móbil

O festival de danza celebrarase desde mañá entre Allariz e Ourense

O festival de danza e artes do corpo Corpo(a)terra abre o seu programa de décimo aniversario esta semana entre Ourense e Allariz do 26 ao 30 de agosto. A compañía TrasPediante, organizadora do evento, ofrece un programa de once espectáculos que inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado, que lle permitirá ao público gozar desde os seus dispositivos móbiles de tres pezas de danza audiovisual nas tres prazas ourensás nas que estarán xeolocalizadas. Neste Xº Corpo(a)terra eno marco das promocións do Xacobeo 2021 terá lugar a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que drons voadores bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival.

Ligazóns