
No apartado artístico, máis copado ca nunca por artistas vencellados á cidade ou galegos compre destacar coma feito histórico a volta aos escenarios do grupo coruñés Viuda Gómez e Hijos, mítica banda dos anos 80 que 28 anos despois recupera a actividade musical. Tamén serán uns cabezas de cartel xa coñecidos no festival os Triángulo de Amor Bizarro. Ademais diso estarán nesta edición artistas da cidade como Pardo, Allova, Moura e a Irmandade Ártabra ou Bush Doctors; xunta eles outros artistas coñecidos do resto de Galicia coma Ataque Escampe, Laura Lamontagne & PicoAmperio, The Bo Dereks ou Víctor Coyote entre outros. En total tocarán 14 bandas, completando o cartel dous viveiros musicais pensados para que a rapazada descubra ritmos, sons e historias vencelladas á música contemporánea. Como acontece agora polas circunstancias de seguridade sanitaria actuais co resto dos espectáculos, os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contarán cun aforo limitado a un máximo de 400 persoas. Todos os concertos serán de balde, pero haberá que reservar entrada previamente a través da web do festival.