Portamérica estrea en liña un documental propio sobre a súa historia gastronómico-musical

Alberto Baamonde dirixe 'Esa maldita felicidad' que se estrea mañá na canle de YouTube do festival

O festival Portamérica non puido celebrarse este ano en Caldas de Reis como era a súa intención e quedou, como outras moitas grandes citas, posposto para o vindeiro 2021 cando celebrará o seu décimo aniversario. Pero aínda así o evento musical e culinario terá presenza cultural este verán xa que na súa canle da plataforma YouTube estrearase este xoves un documental propio do festival, producido pola empresa Esmerarte coa colaboracuión da Deputación de Pontevedra, e dirixido por Alberto Baamonde, que baixo o título de Esa maldita felicidad dá conta da singularidade deste evento e da súa historia, concepción e desenvolvemento. Dous anos de rodaxe entre España e Latinoamérica da coma resultado unha <> de cociñeiros e músicos cun destino común no festival da carballeira de Calda de Reis. O resultado documental estrearase ás 21:00 horas na devandita canle do festival Portamérica.



Adquisicións documentais da CRTVG
No mesmo eido da produción documental compre sinalar que este semana a CRTVG anunciou a adquisición de sete documentais en galego xa rematados, listos para a súa emisión na TVG, dentro do paquete de medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo adoptadas polo ente público para contrarrestar os efectos da COVID-19. De entre os 80 proxectos presentados unha comisión seleccionou estas sete propostas a partir dun enfoque prioritario de detectar contidos que puidesen achegar valor engadido e complementasen o arquivo audiovisual da CRTVG, co afán de acrecentar así o seu patrimonio cultural e identitario. Prestando tamén especial atención a aqueles contidos de carácter atemporal. Entre eles está 30 anos actuando, que nos quiten o bailado, un documental dirixido por Eva Alonso e producido por Chiripa Producións sobre a traxectoria do director Eduardo Alonso e a actriz Luma Gómez en relación coa súa compañía teatral, Teatro do Noroeste.

Os documentais seleccionados e cuxos dereitos foron adquiridos son:
• A noite irisada, dirixida por Bea Vázquez Campaña e producida por Recunchos de An&Ma, SLNE  no ano 2019. Documental arredor dos procesos de reivindicación dos dereitos das persoas homosexuais.   
• O desafío do Sil, produción recente de Socialdocs, dirixida por Domingo D. Docampo. Este traballo contén imaxes de gran valor histórico sobre a construción das presas dos saltos do Sil (Santo Estevo e San Pedro) nos anos 50 e primeiros 60.   
• Estruturas, producido por Tingaralanga Audiovisual, é unha proposta documental dirixida por Paco Gallego e Xosé Bocixa enfocada nas agresións arquitectónicas á paisaxe, no que algúns chaman feísmo: a explotación forestal, as instalacións eléctricas, a actuación humana, o abandono do patrimonio, a obra inacabada, a especulación, etc.   
• Vigo, 1972, filme dirixido por Roi Cagiao que narra o acontecido na cidade de Vigo en setembro de 1972, cando o movemento de solidariedade co despedimento de cinco traballadores da factoría Citroën finalizou coa maior folga xeral da historia de Galicia en plena ditadura. É unha das poucas crónicas audiovisuais que reconstrúe aqueles feitos.
•30 anos actuando, que nos quiten o bailado. Documental dirixido por Eva Alonso e producido por Chiripa Producións que narra, na voz dos propios protagonistas e doutros personaxes importantes relacionados con eles, a traxectoria de Eduardo Alonso e de Luma Gómez en relación coa súa compañía, pero ao mesmo tempo reflicte unha boa parte da historia do teatro galego, e inclúe imaxes de arquivo de gran valor patrimonial.  
• Costa da Morte, unha longametraxe documental de Lois Patiño que participou en festivais e se alzou con 15 premios, entre eles o Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, o premio Feroz Especial do ano 2015 ou o premio ao Mellor Director Emerxente do Locarno Film Festival.
• A Compostela de La Casa de la Troya, curtametraxe documental de Arraianos Producións que ofrece unha visión sobre a Compostela que aparece na novela de Alejandro Pérez Lugín La Casa de la Troya, cen anos despois da publicación desta popular obra literaria de fama universal.