A Xunta reduce en 150.000 euros os fondos para normalización lingüística en concellos

No que vai de ano os recortes no campo da lingua superan os dous millóns de euros

A convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega que publicaba o pasado 16 de xullo o DOG recollía unha nova tallada aos fondos destinados á normalización lingüística. Segundo apunta esta orde, destínanse a este fin 100.000 euros da partida 11.40.151A.460.0 de "transferencias correntes ás corporacións locais de toda Galicia". No entanto, nos orzamentos para 2020 aprobados no Parlamento estaban previstos 250.000 euros con este destino. A Mesa pola Normalización denunciou a mingua desta contía, a sinalar que se suma a anteriores recortes nesta liña.

Esta nova mingua sitúa en máis de dous millóns de euros as minguas en diferentes partidas de apoio ao galego neste 2020. O máis importante foi a reorientación de 1,5 millóns destinados a Campañas de Normalización nos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o Fondo de proxectos culturais cos que a Xunta quere apoiar este sector ante a crise da Covid-19. Outro descenso de importancia foi a anulación das axudas a normalización en centros de ensino, que supuxo 373.833 euros menos para a lingua.