Os premios Ínsua dos Poetas recoñecen a Pilar García Negro, SÉS e Xosé Manuel Piñeiro

A Festa da Palabra conmemorará este domingo o centenario da revista Nós

A Festa da Palabra conmemorará este domingo o centenario da revista Nós
Manuel Baltar, Presidente da deputación de Ourense e Luís González Tosar na presentación da festa da Palabra
A XII edición da Festa da Palabra conmemorará este domingo no Carballiño o centenario da revista Nós (1920-2020), polo cal presentarase o libro Camiño de Nós e estrearase o Auditorio Nós . Segundo Luis González Tosar este “será un acto para pór en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época", declarou o presidente da Fundación "Insua dos Poetas" na presentación do programa. Ademais da habitual entrega de premios "Insua dos Poetas", que este ano recoñecerán entre outras a traxectoria investigadora, ensaística e docente da profesora Pilar García Negro; o compromiso coa lingua da cantautora María Xosé Silvar, “SÉS”; Xosé Manuel Piñeiro, que este ano ademais recibirá a Medalla Castelao, está tamén entre os premiados na Ínsua dos Poetas, así como Regina Jallas, que leva a cabo unha importante labor de coidado e atención a anciáns galegos en Río de Janeiro. A nivel de colectivos, este ano os galardóns premiarán o espírito pioneiro e a constancia do Cine Club Carballiño, fundado en 1969; a asociación pola liberdade afectiva e sexual Alas da Coruña, que desenvolve un importante labor social e cultural no colectivo LGTB dende o compromiso co galego e a Festa da palabra tamén recoñecerá aos traballadores sanitarios da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, polo esforzo, na súa loita en primeira liña contra a pandemia da COVID-19.