Desde o propio feito matrimonial ata a aparición desta banda deseñada de Xulia Vicente, Elisa e Marcela, pasaron pola devandita novela, unha exposición, dous ensaios a cargo de Narciso de Gabriel, e volveron vivir na pel de outras nunha obra teatral coa produción de A Panadaría e nunha película dirixida por Isabel Coixet. Un nivel de revisión dese formatos tan diversos ao que chegan só unhas poucas historias persoais realmente excepcionais e con elementos de grande valor engadiddo. Como unha referencia achegada temos o caso previo dos feitos narrados por Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro (Eds.Xerais, 1998) coa historia de amor no medio da represión do golpe de Estado de 1936 entre o médico republicano, Daniel da Barca e Marisa Mallo, nun entorno no que a loita polo amor, a liberdade e a supervivencia se superpuñan. A recuperación desa historia real que fixo Rivas tivo tamén un amplo percorrido chegando a levarse aos escenarios pola compañía Sarabela Teatro no ano 2000 e tamén ao cine no ano 2002 da man de Antón Reixa, xustamente o mesmo que comprou os dereitos cinematográficos do primeiro libro de Narciso de Gabriel sobre o tema, Elisa e Marcela alén dos homes(Edicións Trea, 2008), no que o cineasta viu xa entón o xerme dunha historia que tiña os elementos precisos para a súa transcendencia.

Dous artigos de Carlos Fernandez en La Voz de Galicia en xuño de 1988 traen de novo á luz pública so feitos ocorridos 87 anos antes. Tras desa recuperación estivo o empeño inicial do párroco de Dumbría Ramón José Romero, na revisión exhaustiva do rexistro parroquial con poucos resultados, e posteriormente o de José Carlos Alonso, presidente do hoxe desaparecido colectivo gai lésbico coruñés Milhomes, na reconstrución das vicisitudes da parella que para o colectivo tiña un valor precursor que ía moito máis alá do anecdótico. Os seus esforzos por recuperar a memoria do fito levaron a organizar unha exposición na que traían de novo á cidade herculina unha parte tapada da súa Historia.
O lugués Narciso de Gabriel foi o "rescatador" científico" da historia destas dúas mulleres para este século XXI. Especializado en liñas de investigación sobre a Historia da Educación en Galicia, o catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, deu co singular episodio destas dous mestras dos inicios do século XX e publicou no ano 2008 o volume Elisa e Marcela. Alén dos homes coa editorial Nigra Trea e o libro foi xa en 2010 traducido ao castelán como Elisa y Marcela. Más allá de los hombres e publicado por Libros del Silencio. O catedrático non podía senón fixarse nesta narración con dúas mestras implicadas. "Elisa e Marcela viñeron ao meu encontro na tarde do 9 de maio de 1993, cando estaba no Arquivo Histórico Universitario de Santiago traballando nos expedientes disciplinarios a que foi sometido o maxisterio galego desde mediados do século XIX até 1910", lembra o investigador, "Nesas estaba cando apareceu no interior dun deses expedientes, o de Marcela Gracia Ibeas, un exemplar de La Voz de Galicia correspondente ao 22 de xuño de 1901 que incluía na súa primeira páxina unha reportaxe titulada Un matrimonio sin hombre". Naquel momento aínda había quen non daba creto á veracidade daqueles feitos e o propio Narciso lembra que unha amiga experta en materia feminista á que lla contou despois preguntoulle se a data do diario non coincidiría co día dos Santos Inocentes.
A reconstrución dunha historia en varios formatos
Co reto nada doado por diante de reconstruír e procurar interpretar aquelas vivencias soterradas no documental, practicamente sen testemuños directos das súas protagonistas, Narciso de Gabriel iniciou unha longa pescuda que recolleu en 2008 no libro titulado Elisa e Marcela. Alén dos homes, que ten dúas partes. Na primeira cóntase a historia, analízase a súa repercusión pública, que realmente foi espectacular, e sublíñase a persecución de que foron obxecto, e na segunda abórdase desde a perspectiva do hermafroditismo, o travestismo, o lesbianismo e o feminismo. "Elisa apelou a un suposto hermafroditismo para lexitimar a súa transformación en Mario", lembra Narciso. A nova versión do libro, publicada por Xerais en 2019, e en castelán pola editorial Morata, mantén practicamente íntegra a primeira parte, mentres que a segunda condénsase nun capítulo que dá subtítulo ao libro: Elisa e Marcela. Amigas e amantes. Esta nova edición conclúe cun epílogo o profesor De Gabriel relata as noticias que lle chegaron sobre estas dúas mulleres a partir de 2008, transmitidas as máis delas por dúas informantes arxentinas, Mariela, emparentada con Elisa, e especialmente Norma Graciela Moure, bisneta de Marcela e neta da nena que naceu no Porto a noite de Reis de 1902 e recibiu o nome de María Enriqueta.
"FOI MOI DIFÍCIL ACEPTAR QUE TODA INFORMACIÓN QUE TEMOS DELAS CHEGA A TRAVÉS DE AXENTES EXTERNOS QUE MOITAS VECES TIÑAN INTERESE EN MODIFICAR A HISTORIA"
A compañía teatral A Panadaría, conformada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, abordou teatralmente no ano 2017 este primeiro matrimonio homosexual cunha obra feita en coprodución co Centro Dramático Galego. A dramaturxia para a reconstrución teatral deste episodio asinárona xuntas a directora da obra, Gena Baamonde e as tres integrantes da compañía. Elas coñecían da historia de Elisa e Marcela grazas a entornos feministas e de activismo LGTB, como a exposición do colectivo Milhomes. A idea de poñela sobre ás táboas xestouse nunha cea con Gena Baamonde, que foi despois directora do espectáculo. Ailén Kendelman relata así momento: "comezamos a conversar sobre teatro e Gena dixo que non entendía como non existía ningún espectáculo teatral, ou serie, ou película que contase a historia de Elisa e Marcela. Nós quedamos pensando un chisco, e dixemos, igual temos que contala en A Panadaría! E gustounos o reto de contar esta historia dende o humor, a música e o feminismo; tres eixos fundamentais da nosa compañía".

A capacidade engaiolante da historia xo fóra previamente vista por Antón Reixa, que comprou para súa produtora Filmanova (entón Portozás Visión) os dereitos cinematográficos da obra de Narciso coma no seu momento fixera coa obra de Rivas O lapis do carpinteiro. En 2011 a cineasta Isabel Coixet uníase a ese proxecto para sacar adiante a película, que aínda tería que agardar ata 2019 para proxectarse nos cines, contando tamén na produción coa entrada da poderosa canle Netflix. Nese proceso a cineasta catalá contou coa axuda na elaboración do guión do propio Narciso de Gabriel. O filme recibiu o recoñecemento á Mellor dirección artística, para Sylvia Steinbrecht nos Premis Gaudí cataláns. Do seu traballo con Isabel Coixet o profesor De Gabriel sinala que o seu papel consistiu no asesoramento máis que na propia escrita do guión. "Nalgúns momentos a película afástase dos feitos por min relatados", asegura, "Coixet opta, poñamos por caso, por dar en adopción a Enriqueta, a filla de Marcela, ou por subliñar o rexeitamento social suscitado por Elisa e Marcela cando exercían o maxisterio en diversos lugares da provincia da Coruña", pon como exemplos da liberdade de interpretación dos feito desde os criterios cinematográficos, nun proxecto que lembra que "non foi en absoluto sinxelo".
"O RELEVANTE É A RELACIÓN QUE SE TECEU ENTRE ELAS. XA NON SE TRATA DUN 'MATRIMONIO SEN HOME', SENÓN DUN MATRIMONIO ENTRE DÚAS MULLERES"
Para a súa máis recente adaptadora, Xulia Vicente, responsable da banda deseñada publicada polo Consello da Cultura Galega, a historia ten algo que axuda moitísimo á hora de argallar o guión: "a pesar do duro que debeu ser para elas e o tráxico dalgúns momentos, hai moitísimos outros que dan cabida á comedia. A partir de aí, cada un pode optar por traballar a parte máis dramática, facer directamente unha obra humorística, ou equilibrar ambas, o que soe ir ben para o ritmo narrativo e a relación da lectora/espectadora coas personaxes. Outro aspecto que dá moito xogo é que apenas temos trazas das personalidades das protagonistas. Este misterio permite prantexarse cales foron as súas motivacións e pensamentos, e en consecuencia dá moita liberdade á hora de construílas", di a ilustradora.
Elementos para volver sobre Elisa e Marcela
O que ocorreu aquel día de 1901 e os acontecementos posteriores (e tamén os inmediatamente anteriores) foron quen de inspirar a todos estes creadores para a revisar, investigar e volver a recrear aqueles feitos. Os elementos fascinadores poden ser moi diversos. Os espíritos enormes de dúas persoas loitando pola súa liberdade con todo en contra, coa épica que iso implica. Unha busca da felicidade nun tempo de estamentos e costumes opresoras, nun recuncho do mundo fóra das grandes capitais e circuítos. Un amor inconformista, a picaresca o a posterior traxedia e persecución danlle a esta narración xa elementos dabondo. "A historia ten ingredientes moi variados, polo que nos podemos apropiar dela desde diversas posicións e perspectivas", coincide Narciso de Gabriel. "O seu carácter excepcional fai que suscite a curiosidade e o interese do público en xeral, como suscitou no seu día o de Emilia Pardo Bazán, que lle atribuíu a Elisa unha intelixencia "nada común" debido á súa capacidade para transgredir o roles de xénero, e analizou o caso desde a perspectiva do travestismo. A recepción actual está máis centrada na sexualidade, polo que se presta atención non só a Elisa, senón tamén a Marcela. O relevante é a relación que se teceu entre as dúas. Non se trata xa dun 'matrimonio sen home', senón dun matrimonio entre dúas mulleres. De feito, Elisa e Marcela foron e son reivindicadas polo movemento LGTBI". Nesto coinciden desde A Panadaría, que consideran que "todos os motivos que a fan transcendente e relevante a día de hoxe teñen que ver cos feminismos e co colectivo LGTB, coa visibilidade que aínda se nos nega e coas mulleres pioneiras historicamente silenciadas", asegura Kendelman. "Elisa e Marcela deberían saír nos libros de texto. Nos libros de texto de aquí porque xa temos constancia de que aparecen en varios exemplares educativos en Francia", puntualiza.
Un percorrido aínda por diante?

A pesares de todas estas adaptacións realizadas desde a cultura, Elisa e Marcela non se dan por esgotadas e aínda poida que salgan no futuro máis achegamentos ao seu excepcional e singular percorrido vital, toda vez de que ademais da súa capacidade exemplificadora hai tamén aínda moitos ocos por cubrir do devir dos acontecementos, ou mesmo outras perspectivas. "Con respecto ao enfoque, quedan infinitos, pero nos parecería interesante unha lectura dende o trans", apunta Kendelman. "En todos os relatos falta por contar o que acontece cando elas chegan a Arxentina, quizais porque contalo implicaría case reiniciar unha nova historia, e tamén porque as fontes de información se reducen moitísimo" di a integrante de A Panadaría. Coincide o profesor Narciso de Gabriel no relativo ao periplo na emigración: "Queda moito por saber, especialmente no que se refire á fase arxentina. Descoñecemos, por exemplo, en que medida se prolongou a súa convivencia neste país despois do segundo casamento de Elisa, aínda que as indagacións realizadas por Norma Graciela Moure apuntan que seguiron vivindo xuntas en Banderaló durante bastante tempo. Trátase dunha historia con moitos baleiros, algúns dos cales seguramente nunca conseguiremos encher. Se cadra niso radica parte do seu atractivo".


