A obra de teatro Elisa e Marcela da compañía A Panadaría, recollerá este sábado un galardón que engadirá ao seu xa avultado palmarés conformado por catro premios María Casares ou o premio do público da MIT, entre outros. O deste sábado será excepcional para unha peza teatral ao ser concedido desde un festival de cine, o Festival Internacional de Cine LGBT de Estremadura, FanCineGay. A 22ª edición deste evento considerou a obra galega que traslada aos escenarios a historia real de dúas mulleres que en Coruña conseguiron casar entre elas en 1901, merecedora do Premio Las Horas "pola súa emocionante revisión histórica a través dun teatro arriscado, sen artificios, que pon o foco nos corpos e as palabras das actrices". A compañía recibirá o seu premio este sábado nunha gala de clausura do festival no Palacio de Congresos Manuel Rojas de Badajoz.