Fragmento da capa de Elisa e Marcela. Xulia Vicente.
Un libro, un filme, unha obra de teatro... e agora unha banda deseñada. A historia de Elisa e Marcela, consideradas o primeiro matrimonio do mesmo sexo no Estado, está a se abrir paso como un mito contemporáneo nos últimos anos. Xulia Vicente asina a última destas adaptacións, unha historia breve en cadriños que promove o Consello da Cultura Galega e que inclúe mesmo unha regueifa orixinal.
CG- Que pensas que lle achega o xénero da BD en xeral e a túa interpretación en particular a esta historia? XV- É outro xeito de contar historias, coas súas particularidades pero igual de válido. E dentro do medio, estou segura de que mudaría moito se fose outra autora a encargada de levala a cabo. Neste caso particular, ademais, penso que vai achegar unha vía de entrada moi accesible á historia para calquera curioso, por varios factores: é unha versión curtiña, vai estar dispoñible de xeito gratuíto, e non hai unha preocupación por cubrir cada aspecto da vida da parella, senón máis ben de contala con fluidez, con moito apoio no gráfico. CG- Foi moi difícil abordar unha historia que está a ter tantas adaptacións recentes? XV- Non percibín isto coma un problema mentres traballaba, senón máis ben ó contrario. Tiña por un lado a versión documental de Narciso, e por outro as visións autorais da Panadaría e de Isabel Coixet (que eu coñeza). Para min foi moi útil visitalas todas, ver outras posibilidades, aprender de cousas que se cadra non me interesaría despois facer na miña versión, pero si axudarían a buscar o meu enfoque. E penso que todo isto enriqueceu o meu traballo significativamente. CG- Por que pensas que está a se dar esta descuberta de Elisa e Marcela nos últimos anos? (Libros, obra de teatro, filme...) XV- É que é unha historia interesantísima, redescoberta non hai moito (se non me engano, Narciso publica a primeira edición do libro en 2008). Trae consigo, nun caso de 1901, moitos temas polos que seguimos saíndo á rúa hoxe: o "matrimonio sen home", a identidade de Elisa/Mario, o escarnio público ou posterior viraxe da opinión pública... e está por suposto esa incrible xogada que se lle fai á igrexa co casamento. A parella son dende logo unhas personaxes con moitísimo carisma, e para min tanto inspiradoras coma intrigantes. CG- Algunha anécdota sobre o teu traballo coa BD? Algo rechamante que atopases na historia? XV- Na BD remato na derradeira páxina coa escena na que Mario e Marcela quitan a foto de voda. Pois ben, nun principio eu escollera a outra fotografía, feita nun exterior, con eles en actitude algo máis natural, para finalizar cun sentimento de liberdade. Claro, cal foi a miña sorpresa cando descubro que é a fotografía que lles fixeron no Aljube, a prisión do Porto, para distribuír en prensa... A documentación é un traballo que nunca remata.




