O Teatro Rosalía dá comezo esta semana á súa Programación expandida TRC Danza

O ciclo acolle actividades presenciais e en liña ademais dun formato de festival de danza entre os días 25 e 27 de xuño

O ciclo acolle actividades presenciais e en liña ademais dun formato de festival de danza entre os días 25 e 27 de xuño
O Teatro Rosalía de Castro estase preparando para a reapertura da súa actividade esta mesma semana tras do parón do estado de Alarma. Ademais das representacións teatrais coas que comezará esta fin de semana abrindo coa obra Dreaming Juliet de Elefante Elegante (días 19 e 20) o recinto coruñés recupera o seu ciclo adiado TRC Danza nun novo formato que combina actuacións presenciais con actividades presenciais ou en liña. O chamado Programa Expandido TRC Danza ofrece por un lado varias funcións de danza en formato festival de primavera, os días 25, 26 e 27 de xuño, ademais do que este 17 de xuño dan comezo unha serie de actividades “expandidas” como obradoiros, charlas ou encontros entre artistas, que tamén se transmitirán en liña a través das redes sociais. Un "Taller de públicos" presencial de Sabela Mendoza e Caterina Varela dará inicio este mércores 17 ao programa.

Entre outras actividades Ánxela Blanco, Cristina Balboa e Javier Marín, tres artistas que forman parte do programa, reuniranse nun encontro para falar dos procesos e investigacións detrás das obras que que se verán no festival. Cristina Balboa repetirá en actividades con Compòñer un temazo onde levará a cabo unha aproximación á composición de música electrónica con garage band na que indagará sobre a matemática, o erro e as coincidencias afortunadas para xerar un tema que enganche. Noutra das actividades Balboa fará un obradoiro de escrita de autoficción sobre a pandemia. O encontro Materia e Cambio reunirá a investigadora, artista e biohacker galega Paula Pin co escultor ambientalista catalán Joaquín Jara. As inscricións para as actividades xa están abertas así como a venda de abonos