The Waylanders inicia a súa recta final

Presentouse o trailer oficial e a data de saída da versión de acceso temperán

Presentouse o trailer oficial e a data de saída da versión de acceso temperán
Fotograma do videoxogo
Onte IGN, un dos grandes portais mundiais dos videoxogos, publicaba o novo trailer en exclusiva de The Waylanders, o máis ambicioso videoxogo producido en Galicia, por Gato Studio, e avanzaba algunhas das claves do produto. O videoxogo estará dispoñible en versión "early access" (acceso temperán) en Steam, a principal tenda de videoxogos en liña, a partir do día 16 de xuño. A versión de acceso temperán ten por obxectivos recabar respostas e participación dos xogadores que permitan mellorar a versión final. Será a primeira oportunidade que terá o público xeral de probar este videoxogo ambientado nunha idade céltica mítica en Brigantia e na Compostela medieval. "Desde aldeas rodeadas de densos bosques a misteriosas illas investidas de enerxía mística, cada pixel ambiental está deseñado para destacar a fantástica natureza da visión de Gato sobre a antiga Galicia", afirman na reportaxe de IGN. En declaracións ao web, Sergio Prieto, un dos socios de Gato Studio, afirma que "estamos moi orgullosos das nosas tradicións e queremos compartilas con xente de todo o mundo. A nosa terra, Galicia, ten unha posición relevante en todos estes mitos e lendas, e iso era algo que queriamos compartir en The Waylanders". Este xogo de rol conta co guión de veteranos da industria dos videoxogos mundiais como Emily Grace Buck.



Coñece máis sobre The Waylanders no Diálogo confinado que mantivemos con Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje, e Carla Bolaños sobre a actualidade do videoxogo galego. Aquí tes a edición en texto da entrevista.