A escritora ceense Rocío Leira acaba de se facer co XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole que convoca o Concello de Lugo en colaboración con Edicións Xerais. A súa novela Afogada foi seleccionada polo xurado pola súa "excelencia como novela de intriga, dende a utilización da multiperspectiva, a diversidade da tipoloxía textual e a polifonía de voces narradoras, así como a riqueza temática que expresa". A autora recibirá un premio de 4.000 euros en metálico e verá a súa obra publicada por Xerais. Anxela Gracián, Manuel Bragado e Xosé Antonio Neira Cruz foron os responsables da selección da obra gañadora.