Irene Montero gaña o VIII Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira

Paula Rey Valiña obtivo a victoria no XXV Certame Francisco Añón de Poesía

25/5/2021 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: literatura
1 lecturas | Compartido 0 veces
A oitava xeira do Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira tivo como vencedora a ferrolá Irene Montero Díaz. O xurado recoñeceu Lúa Nova como a mellor das 29 obras que concorreron ao certame, unha novela que aborda a cuestión da diversidade funcional e que, segundo destaca o fallo "destaca pola súa escrita fluída e fresca, cunha temática social que invita á reflexión por parte do espectador. A autora amosa un profundo coñecemento do asunto que trata articulando unha narración dende dúas ópticas diferentes". Montero recibirá un premio en metálico de 3.000 euros e verá a súa obra publicada por Edicións Xerais.
Pola súa banda, Paula Antía Rey foi recoñecida co primeiro premio na categoría para adultos do XXV Certame Francisco Añón de Poesía que convoca o Concello de Outes. O xurado destacou da súa obra Impostura "o manexo dos recursos literarios que fai a autora o que redunda na acertada construción da súa voz poética. Trata o tema da muller dende unha perspectiva feminista e cunha óptica moi acertada. De grande interese é tamén o contexto histórico que impón e o xogo de personaxes que acertadamente vai presentando". A autora recibirá 1.500 euros en metálico e verá a súa obra publicada.

No fallo acordouse tamén outorgarlle un accésit a Toxicidade de Abrahám Pérez Fernández por un traballo cuns "finais moi ben conseguidos a nivel poético, e de contido. Creando o autor un traballo moi maduro cunhas imaxes moi potentes, con sentenzas firmes e ben artelladas".

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Protagonistas
Entidades
Conceptos
Lugares