Nace o Festival Virtual do Libro de Galicia como punto de encontro da literatura

Un portal acollerá o evento en liña os días 26 e 28 de xuño e buscará afianzarse como escaparate para o mundo do libro

Un portal acollerá o evento en liña os días 26 e 28 de xuño e buscará afianzarse como escaparate para o mundo do libro
Imaxe promocional do FLIV 20
Impulsado pola intención de que o libro e a literatura do país non queden parados polas circunstancias actuais e como unha reacción contra as dificultades que ten neste tempo traballar na difusión do libro e da literatura ven de nacer o Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV), unha iniciativa organizada pola escritora e xestora cultural Anna R. Figueiredo, o espazo web Fervenzas Literarias e a empresa Datalib, conta asemade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Como evento terá lugar de maneira virtual entre os días 26 e 28 de xuño a través do portal web (www.fliv.gal) que será o punto de encontro. O FLIV xorde como resultado dun momento moi concreto pero coa vocación de perdurar nos vindeiros anos. Nos vindeiros días, o FLIV anunciará a programación completa para a súa celebración, unha programación na que estarán presentes as principais figuras literarias do país e na que tamén participarán os axentes arredor do libro, as bibliotecas e librerías e os colectivos que se moven en Galicia arredor da literatura.

O FLIV é un "punto de encontro virtual" segundo explica no sue comunicado unha das súas organizadoras, a escritora Anna R. Figueredo. Ademais do seu carácter virtual e de ser un festival pioneiro en canto á súa proposta, unha das liñas mestras deste FLIV é abranguer todos os contidos literarios posibles, sen deixar fóra ningún xénero e atendendo tamén ás circunstancias propias do ano 2020. Deste xeito na programación do festival virtual estará moi presente tanto Ricardo Carballo Calero como Concepción Arenal. Terá apartados para a literatura e as peregrinacións e fará un repaso por todos os xéneros literarios: novela, ensaio, poesía, teatro e literatura infantil e xuvenil, sen descontar o cómic ou a presenza doutras literaturas na literatura galega por medio da tradución.

O festival virtual busca aproveitar todas as vantaxes da telemática para poñer en comunicación a autores e lectores, para conectar no medio dunha circunstancia de illamento a toda a comunidade cultural do libro. No portal do FLIV desenvolveranse distintas actividades relacionadas co libro: presentacións, debates, clubs de lectura e tamén encontros entre autores coa vantaxe, segundo explican os organizadores, de que "estes contidos permanecerán na web e seguirán sendo accesibles unha vez pasadas as datas do festival". Os lectores terán oportunidade de participar nestas actividades en liña. O portal buscará converterse nun escaparate da importancia e dimensión da literatura en Galicia, aproveitando a súa riqueza e versatilidade e ofrecendo unha plataforma de difusión que ao mesmo tempo sexa inmediata e perdurable no tempo.
Ligazóns