Filophóbicas en concerto Foto: Filophóbicas
A música e o teatro volven ás salas coas restricións propias da desescalada da alarma pero xa hai datas que se poden marcar nunha axenda a curto e medio prazo. No posto de saída desta apertura está este venres 29 de maio a veterana sala lucense Club Clavicémbalo que abrirá as súas portas coa banda local Filophóbicas nun formato de dobre pase. Así, coa capacidade da sala restrinxida na Fase 2 a un máximo de 50 persoas esas serán o número de entradas que se venderán para cada pase e que xa están arestora cuberta máis da metade no último pase. No formato que se propón o público estará sentado e coas separacións esixidas. O grupo subirá ao escenario ás 21:30 horas e repetirá de novo ás 23:30 horas. As entradas custan cinco euros, dos cales 4 son para a banda e un para a sala. A sala ademais reforza a súa intención e manterá a actividade musical o sábado 30 de maio con outro concerto de homenaxe á banda Queen ás 21:30 horas e o vindeiro sábado 6 de xuño ofrecerá o concerto familiar de Pauliña e o Grilo en horario matinal ás 11 da mañá.





