O festival Elas Son Artistas recupérase este mesmo ano reinventado como ciclo

Atlantic Fest e Festigal cancelan e xa miran para as edicións de 2021

Atlantic Fest e Festigal cancelan e xa miran para as edicións de 2021
Presentación do IIIº Elas son artistas Foto: Cris Andina
Nun exercicio de creatividade, reinvención, esforzo organizativo e optimismo o interrompido Festival Elas Son Artistas, ven de converter o seu programa de actuacións previstos entre o 17 e o 26 de abril, nun ciclo a desenvolver nos vindeiros meses no que a muller creadora continúe sendo a protagonista. O equipo do festival metropolitano da área da Coruña que imlkica a oito concellos ten como obxectivo reubicar todos os eventos previstos para o que está a manter conversas con todas as partes implicadas na terceira edición do Festival: concellos, entidades colaboradoras e patrocinadoras, artistas, equipos técnico e de produción. Seguindo unha liña declarada de procurar a non cancelación da actividade cultural a organización considera que será viable levar a cabo os espectáculos, sempre cumprindo as medidas de seguridade, separación social e hixiene vixentes no momento de celebración de cada evento. O importe dos abonos vendidos e das entradas adquiridas para espectáculos soltos xa foron retornados na súa totalidade ás persoas que os adquiriran previamente ao aprazamento. A organización do Elas Son Artistas comunicará as novas datas dos espectáculos no momento oportuno, en función da evolución das fases e das normas que se vaian aprobando por parte do Goberno central e Autonómico.

Por outra banda nas pasadas 24 horas foron dous os eventos que se sumaron á cancelación das edicións deste verán, emprazando a súa realización directamente ao ano 2021. O festival Atlantic Fest, cuxa quinta edición trasladábase este ano desde a Illa de Arousa á Praia da Concha en Vilagarcía, xa puxo datas para o verán do 2021 renunciando a celebrarse este ano. Se as ´suas previsións se fan realidade serán os días 16, 17 e 18 de xullo, na mesma praia de Vilagarcía onde poidamos "volver bailar xuntos sen metros que nos separen", apuntan esperanzados desde a organización. Tamén desde A Comisión do Festigal, o evento que se organiza desde as xuventudes do Bloque Nacionalistas Galego en Santiago o día 25 de xullo, anunciaron o adiamento da programación da edición de 2020 por motivos de responsabilidade ante a pandemia da covid-19. O Festigal asegura o compromiso de manter os concertos e as actividades que estaban previstas cara o 2021 como unha mostra de apoio ao sector cultural. Anuncia tamén que nas redes sociais haberá unha sorpresa con artistas para a celebración da véspera do Día da Patria Galega, de xeito participativo coas persoas seareiras do Festigal.