Xosé Antón Bocixa presentará o podcast A Tribo Radio

O espazo xorde desde o confinamento e para dar voz a toda a comunidade que aspira a conformar unha sociedade crítica, máis xusta e igualitaria

A situación de confinamento vivida nas últimas semanas derivada da crise do COVID-19 dá lugar ao xurdimento dunha nova proposta de podcast a través de Internet. A Tribo Radio comezará a emitir este venres, 8 de maio, ás 12:00 horas, a través da web atribo.gal, da plataforma ivoox e das redes sociais facebook e twitter. Trátase dun espazo deseñado especificamente para este formato que emerxe desde o confinamento coa intención declarada de dar voz a toda a comunidade que aspira a unha sociedade crítica, sensible ás necesidades das persoas máis desfavorecidas, aos cambios sociais, ao medio ambiente, á ciencia e á cultura. O obxectivo é ofrecer información e tratamentos que segundo eles non se encontran nas radios convencionais. Un espazo onde atoparse, tecer redes e complicidades. Por iso, A Tribo Radio, segundo eles mesmos comunican "nace coa vontade de confluír con todas aquelas organizacións sociais, medios de comunicación, entidades e persoas que soñan cunha sociedade máis xusta e igualitaria". Os programas estarán realizados, presentados e conducidos por Xosé Antón Bocixa Rei, baixo a coordinación de Verónica Álvarez e todo producido por Tingalaranga. Laura Romero foi a encargada do deseño gráfico desta proposta na rede que pretende poder emitir a partir desde venres, un programa novo, con novas voces e tratando temas de actualidade, cada quince días.

O primeiro programa, que se poderá escoitar e descargar partir de mañá, contará coas voces de persoas pertencentes a diferentes ámbitos, que reflexionarán sobre o momento actual que vivimos a nivel social, económico, sanitario, cultural, medioambiental e psicolóxico. O actor Carlos Blanco; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; a escritora e filósofa Rebeca Baceiredo; Ana María Núñez Rubines, coordenadora do Grupo de Intervención Psicoloxía en Catástrofes e Emerxencias do Colexio de Psicoloxía de Galicia; Iago Lestegás Tizón, arquiteco e Doutor en Urbanismo; Isabel Prego, celadora no CHUAC; Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade da Coruña; Luís Rei, recepcionista de Mercadoría nun hipermercado da Coruña; Marta Rial Chorén, psicóloga e activista da Plataforma ‘Mina Touro-O Pino NON’; Mónica Fernández, auxiliar de enfermería no CHUS; Rita del Lago, cociñeira no Centro de Maiores de Celanova, Sagrario Fernández, Traballadora Social no HULA; Sofía Riveiro Olveira, educadora social; e Jessica Rei, da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, son as persoas que intervirán neste primeiro podcast.
Ligazóns