Anacos iluminados polo recordo de Pozo Garza

Ramón Nicolás, Uxía, Yolanda López e o historiador Carlos Pereira fixeron as súas particulares homenaxes

O pasamento esta semana da escritora Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922 - A Coruña, 2020) encolleu o corazón da cultura galega, sumando pesar nestes momentos tan difíciles. As mostras de loito de institucións, asociacións, entidades de todo tipo, así como de intelectuais e todo tipo de xente amante da súa poesía non se fixeron de agardar ante a noticia. Os medios recolleron múltiples artigos de lembranza e laudatorias sobre Pozo Garza por parte de sinaturas recoñecidas da cultura galega. Co paso dos días ademais as redes sociais, ferramenta de interconexión básica deste intre, foron recollendo algunhas achegas máis alá do recordo ou das fotografía e vídeos da poeta en vida. Así a cantante Uxía, a escritora Yolanda López, o crítico Ramón Nicolás e o historiador Carlos Pereira puxéronse ante as cámaras dos seus dispositivos para compartir un anaco de recordo en forma de lectura, canción ou homenaxe.