Homenaxe musical a Luz Pozo Garza polo seu centenario

A Cidade da Cultura acollerá un concerto que pon música ao poemario 'Sol de Medianoche'

A Xunta promove o concerto 'Sol de Medianoche' hoxe no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia co que completa a súa homenaxe á escritora Luz Pozo Garza (1922-2020) no ano do centenario do seu nacemento. Os seus poemas musicados en composición de Gabriel Bussi (Montevideo, 1975) poderán escoitarse hoxe, coincidindo co día no que cumpriría cen anos. As 12 pezas que compoñen o programa de Sol de Medianoche serán interpretadas polo Quinteto de Cordas Schubert, formado por Gabriel Bussi e Ángel Marote (violíns), Raymond Arteaga (viola), Elena Escalza (violonchelo) e Fernando Rodrigues (contrabaixo). A mezzosoprano brasileira Joana Thomé porá voz ao ciclo de poemas de Luz Pozo Garza. O concerto terá lugar ás 19,00 horas, con entrada de balde previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal.

Gabriel Bussi, violinista e compositor, musicou este poemario tras a perda de Luz Pozo Garza. "Xusto o estaba escribindo cando eu a coñecín e síntome identificado con eses sentimentos expresados na obra", afirmou no acto de presentación deste evento. Así, explicou que a súa conexión coa autora vén de hai dez anos cando descubriu "a súa poesía tan suxestiva, rítmica, musical, emotiva e bonita” e se puxo en contacto con ela “forxando unha amizade”. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou o feito de culminar esta celebración ao redor de Luz Pozo Garza, falecida no 2020, con "este agasallo que lle facemos dalgunha maneira no día do seu cumpreanos a unha figura clave da literatura galega". Lorenzo destacou a forma especial de homenaxear á poeta "cun concerto de música vinculado a un momento moi importante na súa traxectoria vital, persoal e creativa", xa que o poemario Sol de Medianoche está dedicado á súa neta Natalia, que faleceu por enfermidade. Co acto concñuen as actividades previstas como complementarias da exposición que o Arquivo de Galicia mantén polo centenario do nacemento da escritora.