Cae o Festival de Ortigueira deste ano e anuncia datas e novidades para 2021

O Intercéltico do Morrazo pasa a outubro e suspéndense Atlantic Pride e Festival do Paradiso

O Intercéltico do Morrazo pasa a outubro e suspéndense Atlantic Pride e Festival do Paradiso
As derradeiras horas están traendo unha cascada de noticias sobre as previsións de realización de importantes eventos nos vindeiros meses. Un dos máis relevantes, pola súa antigüidade e dimensións é o Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira, previsto entre o 16 e o 19 de xullo deste ano. O buque insignia dos eventos de música folk ven de anunciar, con grande pesar, a cancelación de edición deste ano e o seu pase para os días 14 ao 18 de xullo de 2021. Segundo comunican desde a organización, todos os recursos cos que contaba o Concello para celebralo irán destinados a axudas de emerxencia social e hostalaría e pequeno comercio, unha decisión que tamén ten en conta as máis que posibles restricións de actos multitudinarios que aínda están por decidir. Arestora os esforzos organizativos centraranse en preparar un 2021 que compense a espera con varias novidades, entre as que destaca a ampliación nunha xornada dos concertos do escenario principal, que iniciarán a súa actividade o mércores, en lugar do xoves. En 2021 manterase o cartel artístico previsto, coa presenza das principais cabezas de cartel e entre as novidades crearase o "Día Runas" no que actuarán seis bandas, os tres finalistas de 2020 e os tres de 2021, segundo aseguran na organización.



Coincidindo co anuncio de Ortigueira, outro dos festivais folk de referencia, o Intercéltico do Morrazo, en Moaña, ven de anunciar xa non a cancelación senón o adiamento. O evento non se celebrará a finais de xullo como é costume e xa ten novas datas no outono para a segunda fin de semana de outubro co obxectivo de que entón si se poidan celebrar eventos de gran afluencia ao aire libre. O goberno municipal responsable do festival lembra que "nestes momentos de crise sanitaria e social, desde as entidades locais debemos de manter os compromisos adquiridos coas persoas artistas, creadoras e o persoal técnico implicado na loxística e produción dos eventos".

Cancelados Atlantic Pride e Festival do Paradiso
Outras dúas citas que nas pasadas horas veñen de comunicar a cancelación das súas edicións previstas este ano son o Atlantic Pride da Coruña e o Festival do Paradiso, de Monforte de Lemos. A asociación El orgullo del Norte, responsable do Atlantic Pride previsto para a semana do 5 ao 12 de xullo anunciou a cancelación desta segunda edición do evento que o pasado ano resultou unha das revelacións de éxito da tempada de festivais. Tamén na Ribeira Sacra a Asociación Cultural Náufragos do Paradiso, que leva oito anos celebrando en Monforte o Festival do Paradiso anunciou a través das súas redes sociais a cancelación do acto previsto para este ano. A imposibilidade de obter financiamento do tecido comercial e empresarial local, que era unha das súas fontes de recursos, unida ás incertezas propias da normativa sanitaria provoca esta cancelación. A organización manifesta ademais a súa preferencia de que "calquera axuda pública que puidera ser concedida, como viña sucedendo en anos anteriores sexa empregada para fins sociais, axudas ao comercio local ou a actividades culturais que si poidan realizarse con garantías". As vistas da asociación están xa postas na celebración no 2021.