Coa intención de canalizar a creatividade e o tempo que a poboación do país está a pasar en confinamento, multiplícanse as propostas de certames e concursos para participar desde a casa. Deste xeito, a Dirección Xeral de Xuventude acaba de lanzar Crea na Casa, un certame que convida a amosar a creatividade doméstica no fogar mediante fotografías en Instagram e que está aberto á participación ata o vindeiro 22 de abril. Pola súa banda, a publicación viguesa A Movida presentou tamén o concurso virtual As túas movidas, no que chaman a desenvolver na casa propostas creativas de calquera tipo a partir dunha palabra que a organización propón semanalmente. Desde a Asociación de Medios en Galego, pola súa banda, lembran que está aberto, ata o 30 de setembro, o prazo para participar no certame de videos, podcasts e regueifas, axeitado tamén para este período de estancia domiciliaria.
Pola súa banda, citas creativas que ata o momento se desenvolvían no espazo público están tamén a procurar alternativas ante a nova situación. É o caso da convocatoria Artelixo de Redondela, que está a facer un chamamento para que as persoas interesadas envíen fotografías das súas obras, feitas como é habitual con material reciclado, para as pór nas redes sociais baixo o lema Artelixo Confinado. A organización pretende levar todo ese material fisicamente ás rúas cando remate o período de confinamento. Ademais, transformou a sesión de micrófono aberto habitual no festival en Parnalixo Confinado, unha convocatoria a enviar poemas e textos sobre o confinamento para difundir nas redes sociais do programa.
Tamén as Balconadas de Betanzos, que habitualmente pon nas varandas da poboación desta vila obras de arte, muda de formato ante a crise sanitaria. O concello, que organiza o evento, chama nesta ocasión a que sexan os propios habitantes da cidade os que desenvolvan as súas obras artísticas en tea e as poñan nos seus balcóns para adornar as rúas da cidade.