Certames literarios e audiovisuais incentivan a creatividade desde o confinamento

O Rianxo Streaming Fest, o Olloboi, o Avelina Valladares ou o García Barros teñen aberto prazo de participación

O período de confinamento que está a vivir o país aparece como un momento especialmente axeitado para desenvolver a creatividade artística. A animar este proceso están a aparecer diferentes certames, xa habituais na axenda ou creados ex profeso, que chaman a achegar propostas literarias ou audiovisuais.

Unha das novas propostas está a ser o Rianxo Streaming Festival, que anima a enviar vídeos desenvolvidos durante o illamento domiciliario, e que non ten máis premio que a publicación dos traballos recibidos. A maiores, a organización do evento prevé desenvolver retos específicos aos participantes. O obxectivo, segundo apunta o concello, é "​​​​​​​combater o aburrimento e fomentar a creatividade, ao tempo que reforzar o sentimento de pertenza a unha comunidade veciñal tan activa como a rianxeira".



De xeito similar, a vindeira edición do certame audiovisual escolar Olloboi anunciou tamén o desenvolvemento dunha categoría de vídeos caseiros. Olloboi COVIDeo Doméstico pretende "abrir xanelas virtuais que nos permitan vernos, facer comunidade, construír un relato colectivo e solidario. O noso obxectivo primordial foi sempre o de promover a creación audiovisual e sementar compromiso, e iso pode facerse desde a casa, en familia ou sós". A entidade pon a disposición das persoas interesadas recursos formativos para desenvolver os vídeos.

Tamén cunha categoría para público escolar e outra para o xeral, está aberta ata o 29 de maio a nova edición de Enreguéifate anima a enviar gravacións feitas na casa a amosar as dotes de improvisación oral. As persoas interesadas en se formar neste campo, por outra banda, contan coas clases virtuais que está a impartir a regueifeira Alba María vía Skype.


No campo das letras, malia á parálise, o calendario de convocatorias literarias continúa o seu ritmo habitual. Deste xeito, na última semana o Concello da Estrada deu a coñecer as bases dos certame de novela Manuel García Barros, dotado con 9.000 euros de premio, e mais do Avelina Valladares de poesía, cun galardón de 2.000. As persoas interesadas en participar nos dous concursos teñen ata o vindeiro 15 de maio para enviar as súas obras orixinais.


A estes súmase como novidade a primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago, que convoca a Academia Xacobea co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo. O certame recoñecerá o mellor traballo ensaístico sobre o fenómeno xacobeo cun galardón de 3.000 euros. As persoas interesadas teñen ata o 5 de setembro para enviar as súas achegas.