O Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega puxeron dispoñibles para descarga varias publicacións que se achegan á cultura galega de principios do século XX ou mesmo o XIX. Deste xeito, o CCG publicou unha edición dixital de Cousas gallegas. Trátase dunha recompilación de poemas, discursos e escritos varios do xornalista e avogado Fortunato Cruces, publicada en Bos Aires no 1923. Segundo o CCG, "constitúe unha boa mostra das iniciativas, visión do mundo e sentimentos identitarios dun dos principais facedores de opinión da nutrida colectividade galega da Arxentina durante o primeiro terzo do século XX". Pola súa banda, a Real Academia Galega presentou os Anexos BRAG, unha colección de monografÃas que poden ter a súa orixe nun ou varios artigos do BoletÃn da Real Academia Galega ou por traballos que "merezan unha edición exenta". Os dous primeiros volumes da colección son Gramáticos e Gramáticas. Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce, que recolle os traballos presentados na xornada organizada pola Real Academia Galega co gallo do 150 aniversario da publicación da Gramática Gallega de Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881). O segundo volume titúlase Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubà e ofrece a transcrición e a reprodución facsimilar das cartas que o poeta berciano dirixiu ao filólogo catalán no ano 1847. Os textos de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) encádranse, segundo indica a RAG, "entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego".