As axudas á produción audiovisual medrarán un 25 por cento

O Consello da Xunta aprobou incrementar esta liña ata os 2,5 millóns de euros

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:

Quiñentos mil euros máis, ata os 2,5 millóns, é o incremento que terá a convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2020. O Consello da Xunta aprobaba onte as bases desta liña de axudas, que verá así un incremento do 25% nos seus fondos. A medra, segundo informa a Xunta "dedicarase integramente a novos proxectos de cinema e de televisión promovidos por produtoras galegas independentes".

Pendente de publicar no DOG, a orde prevé ademais a "a ampliación de tres a catro anualidades tanto para a distribución das contías concedidas como para a súa xustificación por parte das compañías adxudicatarias" nas categorías de longametraxes cinematográficas de ficción, de animación, de documentais e mais na de producións e coproducións para a súa emisión televisiva.

A Xunta sinala no seu comunicado sobre esta medida que as mudanzas "teñen como obxectivo darlles resposta ás necesidades do sector audiovisual galego, buscando unha mellor adaptación aos períodos e procesos de produción cinematográfica e televisiva". No mesmo sentido, autorízaselles ás empresas adxudicatarias a solicitar anticipos sobre estas axudas por riba do 50%, así como a quedar exentas do depósito de garantías. Está previsto que a convocatoria saia publicada na segunda quincena de marzo.

Que che parece esta nova?
63 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Documentais, Animación

Claves