'O que arde' chega en marzo ás salas do Reino Unido

O director Oliver Laxe levará a cabo encontros co público en varias cidades británicas

A multipremiada película O que arde de Oliver Laxe fará o vindeiro mes de marzo o seu desembarco en Gran Bretaña apoiada coa presenza do director nalgúns dos pases de exhibición. O filme en galego orixinal e subtitulado ao inglés poderá verse en varios cines de seis cidades británicas a partires do 20 de marzo: Londres, Bristol, Newcastle, Glasgow, Sheffield e Manchester. Tres salas da área londiniense exhibirán a película, dous delas durante toda unha semana (ICA Cinema e Curzon Bloomsbury), o mesmo que as salas de Bristol e Sheffield. O director, como xa fixo en varias proxeccións en Galicia e noutros puntos da península, acudirá ao encontro co público nalgunha das proxeccións entre o 20 e o 27 de marzo. Durante o pasado ano, na súa exhibición por festivais a película galega xa participou en varios festivais no Reino Unido como o London Film Festival, Cambridge Film Festival, Leeds Film Festival e Cork Film Festival. A distribución internacional comercial da película en salas chega así a un segundo país estranxeiro tras da súa estrea e inicial distribución en Francia no pasado mes de setembro.