Seis curtametraxes no catálogo 'Shorts from Galicia' que se presenta no Festival de Clermont-Ferrand

Álvaro Gago compite no certame coa súa película '16 de decembro'

O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se está a desenvolver arestora e ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo Shorts from Galicia que, como cada ano, edita a Xunta co obxectivo de promover a recente produción galega no formato audiovisual da curtametraxe. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son 16 de decembro, de Álvaro Gago; Irmandade, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos; Unidade veciñal, de Tono Mejuto e os traballos de animación Brotar, de Montse Piñeiro e Rubén Abad, Homomaquia, de David Fidalgo Omil. As seis curtametraxes foron elixidas por un grupo de traballo especializado tras unha convocatoria á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual. 16 de decembro e Unidade veciñal están gravadas en galego no idioma orixinal e preséntanse subtituladas ao inglés.

Ademais en Clermont-Ferrand a cinta do vigués Álvaro Gago, 16 de decembro, entra ademais na competición internacional do encontro. Así mesmo, esta produción galega tamén se exhibirá hoxe no pase organizado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) dentro do mercado que se desenvolve en paralelo ao festival e no que se proxectarán diante dos axentes acreditados as seis curtas españolas que competirán este ano nas diferentes seccións a concurso, así como o vídeo promocional de Shorts from Galicia, entre outros. O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos encontros profesionais nos que o cinema galego conta con representación este ano no marco do programa de internacionalización da Xunta. Como en anos anteriores, a seguinte cita deste calendario será o European Film Market da Berlinale, que se celebrará a partir do 20 de febreiro cunha destacada participación empresarial galega e a estrea mundial do novo filme de Lois Patiño, Lúa vermella, dentro da sección Fórum.