A Xunta presenta no festival de Clermont-Ferrand o novo catálogo de curtametraxes

Recolle seis novos traballos así como tres curtas en desenvolvemento

2/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: AudiovisualPolíticas Culturais
95 lecturas | Compartido 1 veces

A Xunta acaba de lanzar unha nova edición do catálogo de curtametraxes 'Shorts from Galicia', que se publica tanto en formato físico como dixital co obxectivo de difundir internacionalmente o talento galego neste ámbito audiovisual. Como en anos anteriores, o mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia), que arranca este luns día 2, marca o inicio da promoción desta escolma de nove títulos como reflexo da calidade e variedade das curtas galegas.

Coa ollada posta no circuíto internacional de festivais e encontros do sector, 'Shorts from Galicia' edítase en inglés para ofrecer información das curtas seleccionadas e acceso baixo demanda ao seu visionado profesional. A selección deste ano está conformada polas curtametraxes 'A través', de Juan Lorenzo Loureiro; 'Bispos', de Zahira Teijelo; 'A pena', de Iria Silvosa; Lucus, de David Fidalgo; Escala un cincuenta mil, de Ángel Suanzes, e 'O corpo de Cristo', de Bea Lema, así como por outros tres proxectos aínda en desenvolvemento e que verán a luz proximamente: 'Noutro tempo', de Santos Díaz; 'Avisa cando chegues', de Ángela Andrada, e 'A ninguén lle importa ata que a alguén si', de Daniel Pérez Silva. Estes títulos foron seleccionados por un grupo de traballo especializado a partir dunha convocatoria pública e seguindo, prioritariamente, un criterio artístico.  'Shorts from Galicia' 2026 comezará a súa difusión no mercado asociado ao festival de Clermont-Ferrand, considerado a principal cita mundial para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes. Nel promoverase a través de encontros profesionais e reunións personalizadas cos representantes das principais distribuidoras internacionais e dos festivais acreditados no evento francés.

 

Universo culturagalega.gal

Universos

Claves

Protagonistas
Entidades
Lugares