A compañía de artes do corpo Pálido Domingo (previamente coñecida como Prácido Domingo) estreará hoxe a segunda das súas creacións, Pentecostés no Teatro Ensalle de Vigo ás 21 horas. A compañía formada por Belén Díaz Bouzas e os irmáns Diego e Francisco Martínez Buceta suben ao escenario con esta nova coreografía que posteriormente tamén levarán á Cidade da Cultura dentro do programa de Escenas do Cambio o vindeiro 31 de xaneiro. Coa súa anterior e primeira montaxe Non hai que ser unha casa para ter pantasmas veñen de recoller en decembro o segundo premio do Certamen Coreográfico Nacional DanzaXtrema 2019 de Cáceres. En Pentecostés buscan o "espertar da luz" e desexan habitar unha vez máis a fronteira entre a dor e o amor, a relación e a incomunicación, o dentro e o fóra, pero desta vez iluminando, proxectando luz na carne, na materia. O espectáculo estará desde hoxe ata o día 26 na sala viguesa Teatro Ensalle.