O libro Sapiens. De animales a Dioses (Ed. Debate) do profesor israelí Yuval Noah Harari (Haifa, 1976) ven de ser elixido gañador do VIº premio Bento Spinoza de ensaio por un xurado formado por estudantes de secundaria. A obra acadou a maioría dos votos, 6 de 10, dun xurado no que toman parte alumnado dos últimos cursos dos institutos Otero Pedraio de Ourense, Ánxel Fole de Lugo, Pintor Colmeiro de Silleda e dos composteláns Antonio Fraguas e Rosalía de Castro, este último centro ademais como creador e organizador do premio ao xeito que fai co Premio San Clemente de novela. Ademais do libro sobre a historia da humanidade do autor israelí, tamén competían como finalistas as obras Historia das historias de Galicia (Eds. Xerais), coordinado por Isidro Dubert; Estudios del malestar, de José Luis Pardo e Últimos testigos, de Svetlana Aliexiévich.