Un xurado representativo de todo o tecido social de Pontevedra decidiu por unanimidade que os premios Cidade de Pontevedra deste ano sexan para Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na categoría de persoa física, e para a Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) na categoría de persoa xurídica. O xurado premiou á pontevedresa Rosario Álvarez tendo en conta a súa traxectoria intelectual e a súa vinculación continua coa súa cidade natal, e ademais, segundo sinalou a concelleira de Cultura Carme Fouces, pola importancia de que Álvarez teña "rachado un teito de cristal" ao ser a primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega. Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952, Rosario Álvarez Blanco é Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Foi directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974. É especialista en gramática e variación da lingua galega e preside desde 2018 o Consello da Cultura Galega, un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia con total autonomía orgánica e funcional, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego e actúa con independencia e respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. O xurado tamén decidiu galardoar á Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) ao considerar a súa traxectoria e implicación na cidade, xa que levan 20 anos colocando a Pontevedra no panorama internacional ao máis alto nivel. Os premios serán entregados nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro 20 de xaneiro no Teatro Principal.