Rosario Álvarez ocupará unha das catro cadeiras libres na Real Academia

A cuarta muller

Á incorporación das mulleres á Real Academia Galega (RAG) deu un novo paso o sábado cando o plenario desta institución escolleu a filóloga Rosario Álvarez para cubrir unha das súas catro vacantes. Rosario Álvarez, nacida en Pontevedra, é coautora da gramática do galego editada por Galaxia, traductora e autora de diferentes estudios sobre lingua e literatura, ademais de membro do Instituto da Lingua Galega (ILG).

Os méritos



A incorporación de Rosario Álvarez supón un avance no trabllo lingüístico que se realiza desde a Academia, xa que a institución ten previsto realizar unha gramática e un novo diccionario do noso idioma, para os que a súa colaboración será decisiva. A nova académica xa viña participando no equipo que está a desenvolver estes proxectos baixo a dirección de Antón Santamarina.
Rosario Álvarez ten experiencia na redacción de gramáticas, xa que foi coautora, en colaboración con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira, da publicada por Galaxia. Ademais, ten participado no segundo volume do Atlas Lingüístico de Galicia, realizou traduccións ó galego de Italo Calvino, Giuseppe Tavani ou textos de mitoloxía chinesa.
É autora diferentes estudios sobre lingua coma "O pronome persoal en galego", "O Galego: recuperación da autoestima" ou "As ideas lingüísticas de Antonio Couceiro Freijomil". Actualmente é catedrática de galego pola Universidade de Santiago e dá clases na Facultade de Filoloxía desta cidade, ademais de traballar no ILG.















Mulleres na Academia



Rosario Álvarez convértese coa súa incorporación á Academia na cuarta muller que actualmente ocupa unha cadeira nesta instición. Ás académicas Luz Pozo Garza e Olga Gallego Domínguez sumouse o pasado mes de marzo a poeta Xohana Torres, que aínda ten pendente de lectura o seu discurso de ingreso.
Antes ca elas fora escolleita para formar parte da Academia en 1945 Francisca Herrera Garrido, pero a súa morte antes de que puidese ler o discurso de ingreso impediu a súa participación como primeira muller na institución.








A normativa


En contra do que anunciaran diferentes medios, os académicos non recibiron o sábado o texto para a reforma normativa. O feito de que o Departamento de Galego da Universidade de Vigo aínda non dese o seu visto e prace á redacción final por non se ter reunido aínda, motivou este retraso. Á saída do plenario, diferentes académicos sinalaron que o proceso de discusión sobre a reforma da normativa aínda se pode estender dous meses. Segundo sinalou o historiador Barreiro Fernández "cómpren informes moi completos" para iniciar o debate, e estes aínda non están preparados.