A Rede de Teatros e Auditorios ofrece 328 actuacións e 18 estreas ata xuño

O circuíto de exhibición escénica comeza hoxe e chegará a 40 localidades neste primeiro semestre

O circuíto de exhibición escénica comeza hoxe e chegará a 40 localidades neste primeiro semestre
"Mercedes e máis eu"
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) organizados desde A Axencia Galega de Industrias Culturais reinicia a súa actividade coa posta en marcha da súa primeira carteleira semestral de 2020, que ata o mes de xuño lle ofrecerá ao público galego 328 actuacións escénicas e musicais en 45 escenarios de 40 localidades. A primeira delas será a que protagonizarán a coreógrafa e bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón hoxe venres, ás 20,30 h., no Auditorio Gustavo Freire de Lugo co espectáculo de danza Mercedes máis eu, inserido á súa vez no ciclo Lugo en Danza. O orzamento do circuíto para este primeiro período de programación anual é de 1 millón de euros, que se destina a financiar as actuacións das 111 formacións artísticas contratadas, galegas na súa meirande parte. Dezaoito delas estrearán, ademais, os seus novos espectáculos no seo da RGTA. A primeira destas estreas será a de Carabela, de Galeatro, que terá lugar o 19 de xaneiro no Pazo da Cultura de Carballo. Seguiranlle O candil, de Escola Galega de Teatro Musical (24 de xaneiro no Fórum Metropolitano da Coruña); O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro (31 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago); As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste (15 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía); A conquista da escola Madhubai, de Teatro do Atlántico (28 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón); Dreaming Juliet, de Elefante Elegante (20 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña); Pika, de Cinema Sticado (21 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas); Os nenos da varíola (22 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense); O mozo da última fila, de Redrum Teatro (16 de abril no Principal de Santiago), e Thesaurus, de Ánxela Blanco (25 de abril no Teatro Rosalía da Coruña).