A edición de títulos en galego medrou en 2018

Os datos do Instituto Nacional de Estatística sinalan que saíron 1.144 obras na nosa lingua

Por vez primeira desde 2015, o Instituto Nacional de Estatística recolleu na súa última análise da produción editorial de libros un incremento nas publicacións en galego. Os datos reflicten que en 2018 saíron na nosa lingua un total de 1.144 obras fronte ás 972 de 2017. No noso país saíron do prelo un total de 1.998 títulos, o 45% dos cales (909) estaban no noso idioma. A cifra supón un incremento do 6,7% na produción editorial a respecto do ano anterior e tamén un incremento na porcentaxe de obras en galego dentro desa produción.