O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio foi para Xesús Núñez Sabarís

Cartografías da narrativa galega contemporánea impúxose no galardón

O profesor de filoloxía Xesús Núñez Sabarís foi escolleito como gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, galardón que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. O autor recibirá 3.000 euros en metálico e verá publicado o seu traballo Cartografías da narrativa galega contemporánea.

O xurado, composto por África López Souto, Luís Alonso Girgado, María López Sández, Anna Rodríguez Figueiredo e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, destacou que esta obra propón un "achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e a cultura de grande difusión" e ademais "revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcoficción”.