A Fundación Rosalía presenta cun concerto a súa campaña de subscrición popular

A Casa-Museo procura unha rede de amigos que contribúan ao seu mantemento e actividade como se fixo en 1972

A Casa-Museo procura unha rede de amigos que contribúan ao seu mantemento e actividade como se fixo en 1972
Cun concerto hoxe de Terela Gradín na propia Casa da Matanza en Padrón, a Fundación Rosalía de Castro fai unha presentación da campaña que vén de abrir de subscrición popular para o seu mantemento. Aínda que xa se fixera unha primeira presentación durante o Culturgal e a inscrición xa estaba aberta, este acto é o primeiro en facer alí mesmo e dun xeito aberto ao público. Con esta campaña a Fundación busca implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa de Rosalía. Calquera persoa poderá converterse en Amiga ou Amigo da Casa de Rosalía e apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración. Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta do coreógrafo e bailarín José Manuel Rey de Viana, indignado naquel momento polo mal estado da casa da poeta, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Proxectos e actividades desde 2012
A Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Alén da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas.

A Casa-Museo xa ten unha taxa de autofinanciamento do 41% (2018, que evoluciona desde un 20% en 2012), cifra considerable, "mais entendemos que cómpre aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia", afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación. A evolución das visitas á Casa tamén é positiva: incrementáronse desde 2012 ata 2018 nun 237% (de 8.655 a 20.571).