O ebanista alemán Frank Buschmann gaña o Premio de Artesanía de Galicia

O oleiro Agustín Vázquez Ferreiro foi recoñecido pola súa traxectoria

O oleiro Agustín Vázquez Ferreiro foi recoñecido pola súa traxectoria
Entrega dos Premios de Artesanía de Galicia
A Fundación Artesanía de Galicia fixo entrega onte dos seus premios anuais que recoñecen as achegas de deseño e traxectoria máis salientables. O ebanista alemán Frank Buschmann, afincado en Corcubión (A Coruña) recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2019 dotado con 9.000 euros pola súa prensa de flores Monas. Este máximo galardón do certame recoñece unha obra que o xurado elixiu por unanimidade destacando dela a calidade do proxecto, a súa sutiliza, a poesía e evocación da natureza partindo de elementos sinxelos para chegar a unha peza conceptualmente rotunda e fermosa. Coa prensa de flores Monas Frank Buschmann fai unha invitación á contemplación e non soamente entrega un produto artesanal 100% sostible no que respecta aos recursos empregados e á súa produción, se non que ofrece ao cliente unha "ferramenta de observación" coa que reaprender e reconectarse coas relacións perdidas entre o micro e o macro.

O oleiro Agustin Vazquez Ferreiro (Niñodaguia, Ourense) recibiu o Premio Traxectoria pola dedicación profesional e a contribución á posta en valor da artesanía galega ao longo da súa carreira, este recoñecemento ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obradoiro de Agustín Vázquez forma parte do reducido número de "museos ou conservatorios vivos" das formas da cultura popular de Galicia que aínda elaboran pezas históricas máis alá do seu interese comercial. Ademais da súa actividade como oleiro, sempre foi unha referencia en relación a calquera actividade relacionada coa promoción da olería de Niñodaguía. Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago), gañou a Bolsa Eloy Gesto valorada en 4.000 euros coa que realizará formación especializada na Escola Lesage de París. Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela) gañou a Bolsa Eloy Gesto 2019, dotada con 4000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio. No seu estudio creativo, fundado en 2017, entrelázanse a fotografía, o bordado e a artesanía. Está dedicado á creación de pezas de decoración e accesorios, inspirados sobre todo, no mundo do cinema, a fotografía e a botánica. No seu proceso de creación mestura técnicas coma a colaxe, a fotografía e o bordado contemporáneo.